Dende que comecei a dar os meus primeiros pasos na sastrería de meu tio Alfonso, alá polos anos 70 (deixade de votar contas, teño 33), moito ten cambiado este noso mundo.
Alí, na trastenda da sastrería aprendín a dar os meus primeiros pasos, dixen as miñas primeiras verbas (e din as malas línguas que dende entón non parei de falar), e sobor de todo, foi alí onde aprendín a querer este oficio ó que a Deus gracias (e ca intervención providencial de meu tío Jose Luis) hoxe teño a sorte de adicarme.
Xa digo que dende entón son moitas as cousas que teñen mudado no mundo (e por desgracia non todas para ben), e de aquela sastrería pouco ou nada queda xa. Os cortes de paño desapareceron das estanterías, das ferramentas do xastre, gardadas nalgún baul sabe o demo onde, só a vella tixeira descansa nunha vitrina como testigo mudo de un pasado que non voltará.
Nese cambio constante o que inevitablemente se ve abocado o comercio, como parte que é da vida, hoxe damos un paso máis alá, e poñemos en marcha, e con moito retraso, esta ferramenta do demo. Metémonos de cheo no que moitos consideran o FUTURO do comercio, un futuro que eu maldigo mil veces, un futuro que detesto, pero un futuro do que obviamente non podo escapar. Porque o comercio que a mín me gusta, e o vello comercio, o comercio das persoas, o comercio das longas terturlias, das confidencias, das risas e en ocasións porque non decilo, dos choros. O comercio en resume que xa non está de moda o que a todos parece estorbar, porque todos queren matar.
Para todos aqueles que creedes e que queredes aquel vello comercio teño unha boa nova, seguiremos onde sempre, e seguiremos como sempre, para todos os demáis, aquí vos queda este, pero anímovos a probar o outro, non será tan moderno, pero seguro que vos gustará máis.
Gonzalo Bermúdez Candal
“Escolle un traballo que che guste, e non terás que traballar nin un só día da túa vida” Confucio